Cestola na Cachola

"Cooperativismo & Muralismo"

 

CESTOLA NA CACHOLA é un proxecto colectivo de autoemprego constituído por tres persoas para traballar naquilo que máis lles gusta e onde aplican a súa formación. Xoana Almar e Miguel Peralta fan murais, cadros e ilustracións.

Raquel Doallo traballa e milita no eido da economía social e solidaria e o consumo consciente.

Veñen ao Rexenera pra compartir a súa filosofía de traballo e explicarnos os cómos e porqués deste xeito de ver a empresa e o autoemprego que principalmente eles resumen en tres piares:

-unha cooperativa: empresa de xestión democrática e compartida (unha persoa-un voto, con independencia do capital achegado).

-de traballo asociado: únense para poñer en común o seu traballo.

-sen ánimo de lucro: baixo a premisa de que "o salario non é lucro", defenden poder obter un salario digno a través da comercialización dos seus  produtos e servizos. Os prezos das prendas, ilustracións, etc, que podes ver na súa tenda online están calculados para poder manter a estrutura da cooperativa (custes de materiais, persoal…) sen que ningunha socia/o se enriqueza a título particular. No caso de que na cooperativa se obteñan beneficios, éstes non serán repartidos entre as persoas socias, senón que se destinarán a reforzar o proxecto.

 

CESTOLA NA CACHOLA nace coa crenza de que o modelo económico convencional ten que mudar e que o cambio virá dunha sociedade consciente e organizada. ´Fronte ao individualismo, propoñen a unión e o traballo en rede. Por iso tamén pertencen a outras entidades colectivas coma REAS Galiza, UGACOTA, Rede SAL, Mov3, AGPI e O Peto.